Unha cama desordenada, 2

Pero como se pode loitar contra a entropía? A tela non ten memoria pois é unha orografía de vales e serras que se reinventa a si mesma cada novo día. Só un tolo ou un desesperado atreveríase a unha tarefa así, porque é a loita imposible de intentar perpetuar as engurras que deixou o corpo da muller nas sabas, de recompoñelas, de facelas eternas, como se fose un ourive que tece abelorios con grans de area. 

Non pasou moito tempo ata que a desesperación, paciente, sabendo que o tempo é seu, fíxose forte no cuarto: comezou a notarse un cheiro irrecoñecible e prendido no aire que era cada vez máis evidente, e que canto máis forte era, menos oco quedaba para o amor e a felicidade. 

Porén, a desorden da cama volveuse asimétrica, e o aroma rancio foi diluíndo de vagariño a presencia dela, o seu calor, o seu perfume, e tamén, os seus soños. Como o ácido corroe o ferro, ata que non quedou nada. E aínda nese punto, el seguiu aferrado á cama, ao colchón, ás sabas.

Agora xa non hai retorno.

Nalgún lugar hai un cuarto e no cuarto unha cama desfeita. Sobre ela un home que non é home, que é unha brincadeira del mesmo. Un náufrago que se aferra a unha almofada para non afogar nun océano de sabas que el lembra que en algún momento cheiraron a ela. Un náufrago morrendo de sede e fame, á deriva nun mar de liño, mentres aboia atado a lembranzas que aínda non sabe que hai tempo que levou o vento.

Unha cama desordenada

#Cama #Relato #Conto