Todas as paredes – Epílogo

A casa leva tempo pecha. Nalgún momento dos meses anteriores uns ruidosos homes chegaron e cubriron portas e fiestras con pesados bloques de cemento. Xa ninguén pode entrar. Nin saír. E segundo contan no pobo, os familiares que herdaron a casa decidiron esquecerse dela.

Agora é o reino do po, do silencio e da soidade. Dentro detívose o paso do tempo, pois ten prohibida a entrada. Aparentemente, pois é un deus implacable que aínda que non o pareza, sempre está presente. Mobles e cousas que xa ninguén usa enchen os recunchos, liberados da súa utilidade, esperando a que os anos os desfagan aos poucos. Aínda así, por estraño que pareza, apenas hai arañeiras polas paredes. Só se miran nalgunhas esquinas ou nos mobles. Pero nas paredes, non. A lo menos, na parte na que hai pintados graffitis.

É curioso. Todas as paredes da casa teñen pintadas. As máis delas son debuxos que representan ao neno e ao seu can. Nun, aparecen xogando sobre a herba dun parque. No graffiti que está ao seu carón e que semella un bosque de piñeiros, tamén aparecen xogando, alegres. E no da seguinte parede, que é un lago no que os dous se bañan. Así, todos os debuxos parecen feitos nunha especie de escena global, nunha danza perfectamente coregrafiada. É máis. Se alguén pódese entrar na casa e, por casualidade miralos, decataríase de que de cando en vez, o neno e o can, móvense de verdade. Abrázanse. Saltan enriba do outro. Corren. Ou simplemente rin.

Os graffitis enchen todas as paredes da casa. As dos cuartos, dos baños, do salón, da cociña… ata no faiado hai. Quen os fixo? Iso, realmente, non ten importancia. O que importa é que, hai uns días, apareceu un novo. No teito do cuarto do rapaz. No debuxo aparecen o can, o neno e, ademais, unha muller. Ela é nova e ten unha longa e fermosa melena morena, ondulada e revelde, moi similar ao pelo do neno. Os dous teñen os ollos azuis, olos cheos de intelixencia, de interese, de vida.

Este graffiti é diferente ao resto. Sempre cambia. Ás veces parecen xogar na rúa. Outras os tres están deitados na herba mirando o ceo. Outras merendan xuntos no parque. E outras pasean pola praia. Pero sempre, sempre, nas súas caras, ata na do animal, loce un inmenso sorriso.

Todas as paredes

#Rapaz #Can #Graffiti #Relato #Conto