Todas las paredes – 9

Quedo calado. Miro para o vaso de licor sen beber. Hai algo que non acabo de entender, pero non teño claro o que é. Bebo un pouco. É noxento pero preciso mollar os beizos e de paso aclarar a mente. Hai unha idea que está agromando no meu maxín e prefería cortala de raíz.

—O rapaz era grafiteiro.
—Si, era.
—E fixo os graffitis que atopou dentro da casa.
—…
—Entón, podería ser que a malleira que lle deu o pai, a que o matou… que fora por iso? Non? Por facer eses graffitis.
—Non. Deberías entrar ti tamén. Non son sinaturas en algunha parede ou algún graffiti máis ou menos grande no corredor. Non. Todas as paredes están cheas de escenas. De arriba a abaixo. Non sei nin como se fixeron nin nada de nada… pero… non parece un traballo feito por un só mozo.
—Vostede ten unha teoría.
—Si. Os graffitis pode que fosen feitos por artistas que entraron na casa para homenaxear ao rapaz. Sería unha teoría bastante axeitada. Joder, que non quero nin podo crer en outra cousa e se alguén me pregunta, direi que esa é a explicación por que realmente é esa a explicación!
—Entón?
—Pois… que hai algo… Xa che contei que os debuxos están por todas as paredes. Pensarás que están nas partes libres das paredes, entre os mobles, non?
—Claro.
—Xa. Iso pensei eu… entón decateime de que había un graffiti no que só se miraba o rabo do can. Sae o rapaz xogando cunha pelota e alí, do lado da neveira, o rabo. Nada máis que o rabo. Sentín curiosidade. Así que movín a neveira. E sabes que? Alí detrás, pintado sobre a merda acumulada, estaba o resto do debuxo do animal.
»Lembro que pensei que por que alguén ía pasar o traballo de mover a neveira, pintar o graffiti e logo volver a poñela de novo no seu sitio. Por non dicir que ningún artista pintaría sen limpar antes a parede, non? Entón mirei o po que había no chan. Aquela era a primeira vez que se movía en anos. E ademais…— Queda mudo. Trémenlle os beizos.
—Que?
—Ademais, lembras o que me contaches de que o rapaz do graffiti do muro sorriute…?

Continuará…

Todas as paredes

#Rapaz #Can #Graffiti #Relato #Conto