Todas as paredes – 8

Colle o café e bébeo dun grolo a pesares de que o seu, como o meu, aínda ferve. Logo chama ao dono do bar. Supoño que é a el ao que chaman “O Roxo.”

—Pepe, tráeme un licor café. Con xeo. E outro para el. Ou algo parecido. O que el queira.
—Non, non fai falla. Teño bastante co café…
—Diso nada, tráelle un como o meu. E que non se diga máis.

O dono marcha. Cando volve pon os dous vasos na mesa.

—Bebe.— El traga o seu dun grolo. Eu non podo máis que mollar os beizos. Aquel é posiblemente o peor licor café que probei na vida. —Ben, agora xa podo falar. Sabes por que me detiveron?
—Non. Só sei que logo de entrar o pai no cárcere entrou vostede.
—Xa… claro, pero entraría por algo, non? Joder! Que un non vai ao cárcere por nada!
—Claro que non, pero vostede contárame que realmente non fora culpable, que non tiñan probas.
—A ver… algo había, algo había. Xa imaxinarás que non che son un santo, non? Eu andaba mal de cartos naqueles tempos. Teño feito algunha cousiña por aquí e por alá, pero nada grave. Pensei que quen rouba a un ladrón… pois iso, que cen anos de perdón. Si, sei que o pai do rapaz non era un ladrón, pero o conto valíalle igual. Así que metinme na casa. Non poñas esa cara. Eu necesitaba cartos e roubarlle algo ao tipo ese sería como unha pequena vinganza.
»O que pasou foi que ao final non levei nada, pero marchei da casa correndo e ao saír rompín os precintos da policía xudicial. A Garda Civil quixo saber quen fora e púxose a facer preguntas polo pobo. Alguén debeu soltarlle o conto de que eu facía cousiñas por aquí alá e como apareceron as miñas pegadas na porta pois detivéronme.
—A ver si o entendo. Hai algo que me soa raro. Se tiña pensado roubarlle algo por que marchou correndo?
—Por que a casa está chea de graffitis dun neno xogando co seu can.
—Eh? Algún artista, con moito máis coidado que vostede, meteuse na casa e fixo esa homenaxe ao rapaz.
—Xa… sabe que o neno era grafiteiro?
—Que? Non! Non o sabía.
—Pois si. Iso era o que facía con todo o tempo que pasaba na rúa.
—E? Estame a dicir que foi o rapaz?
—Non o sei. Quero pensar que si… pero… joder! É imposible!

Continuará…

Todas as paredes

#Rapaz #Can #Graffiti #Relato #Conto