Todas as paredes – 7

Pero, onde se meteran? Estaba só na rúa. Non había ninguén máis nin para un lado nin para o outro e aínda que o muro non é moi alto para un adulto, non creo que un rapaz como aquel fose quen de saltalo cun can en brazos e menos aínda así de rápido.
»Entón caín na conta. O graffiti. Joder! Que eran xusto o rapaz e o seu can! Foi como se alguén me dese unha labazada. Quedei sen respiración, que estaba pasando alí? Pero si aquilo fora sorprendente, o que seguiu despois… De súpeto o graffiti deixou de ser graffiti e volveuse real, como se fose unha fotografía posta sobre o muro, e o neno, ese neno que está alí, mirou para min e sorriu. É non sei como pero souben que todo estaba ben.
—Xusto o que mirei eu.
—Si, iso pensaba. Pois esta é a historia. Non teño máis que contar.

Fai unha pausa. Parece estar decidindo se engadir algo máis. Abre a boca. Unha palabra queda atrapada no aire que entra polos beizos. Non chega a saír.

—Agora por fin me crees. Mírocho nos ollos. Pero dime, quen te vai crer a ti? Quen che vai publicar que un neno asasinado polo seu pai converteuse en graffiti nunha parede xunto ao seu can tamén morto? E xa non digamos como morreu o pai. Como explicas iso? Como explicas todo isto? Eu teño unha teoría. O amor que se sentían o can e o neno. E como non, a ansia de vivir dos dous.
—E xa está? Iso é todo? Estame dicindo que nese muro hai un graffiti que de súpeto ten vida porque un can e un neno queríanse moito? En serio?
—Non. Non estou dicindo iso. Só digo que ao mellor a vontade por estar xuntos, o amor que se sentían fai que volvan.
—Que?! Entón vostede cre en pantasmas, non? Veña… penso que teño dabondo. Agora son eu o que marcha…
—Agarda! Agarda.— miro un chisco de medo nos seus ollos. Non quere quedar como un farsante—. Hai algo máis.

Continuará…

Todas as paredes

#Rapaz #Can #Graffiti #Relato #Conto