Todas as paredes – 5

Non podo tirar o muro da cabeza. E o sorriso do neno. E como me chiscou o ollo. Durante días dubido entre realidade e ilusión. Tanto creo no que vin como penso que é mentira. Tanto creo no home como penso que é un fanfurriñeiro. Ao final, logo de días de dúbidas, de darlle voltas á cabeza unha e outra vez, decido volver. Necesito resolver o enigma dunha vez por todas.

É unha viaxe de un par de horas polo que teño tempo de sobra para pensar. Sempre fun unha persoa decidida. Considero as miñas opcións e cando tomo unha decisión non dubido. Pero desta volta caín na incerteza. Estou nunha tormenta, no medio do mar, e non paro de subir olas. E logo de baixalas.

Mentres conduzo non son quen de apartar da miña cabeza o que aconteceu o día que entrevistei ao home. Nin o que el me contou. Repásoo todo e mudo de opinión case con cada curva, así que fago o esforzo de seguir o camiño. Se me deixo levar polas dúbidas estaría dando a volta continuamente.

O graffiti está igual que o lembro. É un debuxo. Nada máis que iso. Espero. Ao mellor… pero non, serei parvo, que fago aquí? Non vai pasar nada, tan só é un debuxo. Axeónllome para miralo con detalle. Co dedo índice sigo os trazos do spray. Só se trata dun simple e miserable graffiti. De súpeto unha man tócame o ombreiro. Doume a volta asustado. Non son consciente do tenso que estou. É o home.

Continuará…

Todas as paredes

#Rapaz #Can #Graffiti #Relato #Conto