Todas as paredes – 4

Míroo marchar pola rúa abaixo. Camiña alporizado, rosmando quen sabe o que. Non trato de paralo. Fico sorprendido pola súa reacción pero a sorpresa dúrame dous suspiros. Logo penso que tanto me ten, que o tipo era un verdadeiro embusteiro que só buscaba notoriedade. Xírome para marchar pero entón bótolle unha última mirada ao muro de pedra.

É curioso o do muro este. Non ten nada de especial pero alguén fixo un graffiti na memoria do neno. É un deseño sinxelo, case en branco e negro, moi aclarado. O autor ten maña co spray. Practicamente só usou dous. Un branco, case crema, e o negro. E mesturounos enxeñosamente para facer un xogo de luces e sombras que definen a escena con diáfana sinxeleza: o neno de pé acariñando o lombo do seu can.

Paso varios minutos gozando ca feitura do debuxo. A precisión do trazo é excelente. Abráiame que con tan pouco se poda facer tanto.

Entón decátome de que estou enganado. Pensei que era un graffiti pero o certo é que non o é. É unha pintura realista. Completamente real. Incrible. Parece unha foto. Joder! Parece máis que unha foto, parece real! Pero hai un momento pensaba que era un graffiti. Estou confuso. Por que? Claramente semella unha foto. Os detalles son exquisitos. Os cabelos, as engurras, os lunares, as feridas. Parecen reais. Mesmo semella que o neno e o can están vivos. Axeónllome para mirar máis de preto. As cores son especialmente variadas. Nunca puiden imaxinar que alguén puidese pintar algo así.

De súpeto… Non podo crelo. Non… non pode ser… o neno acaba de xirar a cabeza? E chiscoume un ollo? Chiscoume un ollo! Case caio no chan! Pero… que foi iso! Tan susceptible estou aos contos do home ese? A imaxinación ás veces faite crer que miras cousas que non son, pero… imaxinar que un debuxo xirou a cabeza! Non teño tanto maxín… non. Espera! De onde saquei eu que parecía unha foto? Se realmente é un graffiti!

Póñome de pé. Vai ser mellor que marche. Estou canso. Iso é. Necesito despexar a cabeza. As historias que me contou o tipo ese estanme volvendo paranoico. Empezo a xirar o corpo e entón, na esquina do ollo, noto un cambio. Volvo a mirar. O debuxo volveuse de novo real! Dende a parede o neno fita para min e sorrí dun xeito tan doce e cheo de felicidade que só podo pensar que todo vai ben, que xa non hai mal nin tristeza nin dor. Eu, de puro instinto, devólvolle o sorriso, o neno despídese ca man, e de novo o debuxo volve a ser nada máis que iso. Un debuxo nun muro. Un simple graffiti dun neno co seu can.

Paso alí parado dez, quince minutos. Incluso pode ser moito máis. Agardo por se volve a pasar algo. Pasa o tempo. Nada. Segue a ser un debuxo. Aínda estou máis confuso. O que penso non ten sentido. Trato de ordenar as ideas. Primeiro era un graffiti. Logo unha foto ou algo que parecía real. Logo o neno sorriume e volveu a ser un graffiti. Entón se cadra… se cadra…

Marcho á carreira. Aínda podo alcanzar ao home. Chego á súa casa pero non está. Non volveu. A saber a onde iría. A saber por onde se perdería.

—————–

Continuará…

Todas as paredes

#Rapaz #Can #Graffiti #Relato #Conto