Todas as paredes – 2

Unha semana máis tarde o pai perdeu o control. Tiña problemas no traballo. Querían botar á metade da xente e supoño que sabía que ía ser un dos que quedaba na rúa. O tipo, polo que teño escoitado, traballaba ben pero era un barulleiro. A noite anterior cruceime con el. Estaba tan borracho que tiña que agarrarse aos coches. Fixen como que non o miraba. Daba moito noxo.
»Lémbroo moi ben porque pensei que aquilo non podía ser boa cousa para o neno. Logo pola mañá espertáronme as bucinas da policía. Deume algo no corazón. Tiven unha certeza. “O rapaz… esa besta matouno… “ pensei. Non tiven forzas de saír á rúa. Seguro que diante da casa xa se xuntara case toda a veciñanza. Demasiada xente, demasiado ruído. Apareceu en todos os xornais, nas novas da tele. O pai matara ao fillo logo de bater nel durante unha hora enteira…

Cala unha vez máis. Trata de conter as bágoas pero nun recunchiño do ollo xa se intúe un brillo que pronto vai ser fervenza.

—Que mal fixo o neno para acabar así? Dime! Que mal fixo? Joder! Que pecados puido ter cometido? Ser fillo do seu pai?! Foi culpa súa ter un pai así de cabrón? Que mo expliquen, que alguén mo explique dunha puta vez, porque en, cago en… porque eu non o entendo.

Deixa de falar pois por fin rompe a chorar. Eu tamén calo. Non teño resposta que darlle. Miro para el. Ofrézolle o meu pano. Lémbrome do meu fillo cando chora desconsolado porque non sabe como enfrontarse ao mundo.

—E que me pode contar da morte do pai? Seica vostede estivo no cárcere naqueles días, non?
—Si, pero eu non fun. Acusáronme inxustamente. Non había probas de que eu roubase nada. Pero iso non che importa. Ademais, que ten que ver iso? Non estarás dicindo que fun eu… Mira! Eu non sei nada máis do que se contou na tele! Para cando mataron a esa mala besta eu xa estaba na rúa!
—E?
—E? Que acabo de dicir?
—Si, vostede xa estaba na rúa, pero que escoitou? Que se dicía do vello alí dentro?

O home fita para min. Está decidindo ata que punto pode falar.

—A ver, falouse, tan só iso, falouse, comentouse, moi en broma, aínda que tampouco vou negar que algo en serio tamén, que había que darlle unha malleira a esa merda. Xa sabes como é iso, non?
—Si, supoño que fala da lei do cárcere.
—Xusto. A lei do cárcere. Violadores, maltratadores, asasinos de mulleres ou nenos… sofren a lei do cárcere. Falouse. Alguén comezou a planificar algo… pero entón saín do cárcere e dous días máis tarde o tipo apareceu morto no patio. A cousa quedou en nada. Ninguén chegou a tocarlle un pelo, pero penso que todos nos alegramos. Xustiza. Foi simplemente xustiza.
—Foi vostede?
—Pero a ver, como che teño que dicir que eu xa non estaba no cárcere!
—Entón quen foi? Foi algún dos seus compañeiros? Algún dos seus coñecidos?

Aínda con bágoas caendo pola faciana sáelle un riso retorto, irónico, esperpéntico. Esperábame a súa reacción pero cólleme por sorpresa.

Continuará…

Todas as paredes

#Rapaz #Can #Graffiti #Relato #Conto