Todas as paredes – 10

Faise un silencio prolongado. Non quere dicir o que pensa. Parece que non hai máis que contar, que xa está todo dito e explicado. Remata o seu vaso e fai un aceno para pedir outro. Cando llo traen bébeo de golpe e entón segue a falar. Agora xa non ten dúbidas. Quere soltalo todo. É un cabalo que perdeu ao xinete e que tanto lle da a onde chega.

—Non che dixen porque saín correndo.
—Non.
—Subín ao piso de arriba. Estaba abraiado mirando os graffitis. Abraiado e asustado ao mesmo tempo. Entón comezou… había un can preto de min. Mellor dito, sentín un can preto de min. Primeiro bufoume. Nese momento eu estaba nun dos cuartos. Achegueime con coidado á cama. Pensei que estaría xusto do outro lado pero alí non había can algún. Logo comezou a gruñir. Xusto nas miñas costas. Xireime como apurado polo demo. Tampouco había can.
»Os ladridos e os gruñidos eran aínda máis fortes. Eu escoitábao con claridade e sentía como se movía polo cuarto, como saltaba dun lado ao outro ao meu arredor. O can ladrábame, gruñíame. Pero mira. Non se escoitaban as pegadas! E alí, por máis preto que notase os ladridos, non se miraba can algún! Botei a correr. Case caio polas escaleiras abaixo. E sabes no que pensaba mentres corría pola casa? Nunha cara destrozada, nuha cara comida a dentadas, ás dentadas dun can!

Non falamos mais. Ningún dos dous. O home levanta da mesa en silencio, deixa cartos para pagar e marcha. Non reparo na súa ausencia ata moito tempo despois. Cando volvo á realidade xa hai mais xente no bar. Uns vellos xogan ruidosamente ao tute nunha das mesas. Outros discuten na barra de política e hai uns que xogan ao dominó preto da porta. O bar, a esa hora da tarde, está cheo do estrondo e o ambiente habitual. Aínda así síntome completamente só. Decátome de que teño o vaso na man. Está baleiro.

Continuará…

Todas as paredes

#Rapaz #Can #Graffiti #Relato #Conto