Sobrevivindo

Se a vida seguía como seguía e nada volvía ir ben, non había de que preocuparse pois xa se amañarían dalgún xeito para pagar as facturas e as letras da casa. E se non… que podía importarlles? Tiñan, nas macetas do balcón, cebolas, patacas, chícharos, tomates e pementos. Nun cuarto, vinte galiñas e vinte coellos, dous cochos en outro, e tres ovellas e un año no salón. Arriba, na terraza do edificio, dúas vacas do país, grandes, rubias e fermosas, e tamén abellas, e, segundo fose a época, enchían canistreis e canistreis de mazás, de ameixas, de peras, de laranxas ou de pexegos. Do tendal recollían kiwis e uvas, e do medio do patio de luces… leitugas… acelgas… espinafres… grelos ou nabizas… e tiñan flores, paxariños e tamén caricias, apertas, a súa pel con pel, e mel con bicos e moito, moito amor…

E aínda así… ás veces, unha nube lene de tristeza pasaba lixeira e deixaba unha poalla de outono na cociña, onde eles, collidos da man, apenas contiñan bágoas de morriña. Porque, aínda arreglados como estaban, algunhas mañás, as máis, atopábanse botando en falla erguerse e sentir o amargo e profundo cheiro dun bo café para almorzar.

Rubia Galega

#Sobrevivindo #Café #Relato #Conto