Melancolía en catro movementos – Mov. 4

Cheguei a casa a iso das catro da mañá. Non tiña sono. Sentei no sofá, puxen música, algo de jazz relaxante, e comecei a ler un libro. Estaba a ler outra cousa pero naquel momento apeteceume ler “Tokio Blues – Norvegian Wood”, de Murakami. Comezaron a soar os primeiros acordes de “How deep is the ocean?” do sexteto de Charlie Parker. O meu corpo vibrou de emoción.

Lembrei a letra que cantaba Ella Fitzgerald “How much do I love you? I´ll tell you no lie, How deep is the ocean? How high is the sky?” Notei as bágoas cando me chegaron a boca, e sentín que era unha fervenza desbordada de emocións. Entón desexei que apareceses polas miñas costas e que me abrazases. Eu bicaríate mentres che pedía desculpas e che dicía que era un parvo, que sentía moito ser como era, e logo ti abrazaríasme aínda máis forte e simplemente sería como se nada tivese pasado.

E xusto cando comezaba a trompeta de Miles Davis a soar, xusto nese momento, sentín como, na escuridade, sentabas ao meu carón e apoiabas a túa cabeza no meu ombreiro. Eu atinei a dicir un sentido “Quérote moito.” Ti respondiches “Seino, eu tamén.”


#Praia #Jazz #Relato #Conto