Melancolía en catro movementos – Mov. 3

A praia estaba baleira. Podería ter paseado por ela gritándolle as olas e gritándolle a area que ninguén se tería dado de conta. Preferín quedar no coche, escoitando música melancólica, música ca que martirizarme por todos os erros, por todas as discusións. Música para botarse todas as culpas.

Comezou a soar no playlist “Save your love for me”. Cantando Nancy Willson con Cannonball Aderley. A melodía agarroume cas súas doces mans e a letra enredoume con agarimo. Deixeime levar: “Run away… if I were wise i´d run away… but like a fool i stay… “ Comecei a sentirme mellor. E paradoxalmente, afora, a tormenta apiadouse, tamén, do mundo.

Saín do coche. Eran case as tres da mañá. Facía frío. Abraceime forte á chaqueta. No ceo as nubes pasaban apuradas, arrastradas por un vento que se intuía, alá no alto, sen piedade algunha. De súpeto comezaron a aparecer os claros e ao leste, xa caendo, unha lúa inmensa, vermella. Quedei abraiado mirando como o perfil do outro lado da ría, un perfil escuro e invisible, íalle comendo anacos, facéndoa cada vez máis pequena, e máis, ata que desapareceu.

Lembrei unha nova que escoitara na radio. Hoxe Marte estaba preto de nos. Busqueino no ceo. Non tardei moito. Efectivamente, alí, entre as estrelas que me chiscaban ollos cómplices, e vermello como a furia que me conquistara horas antes, estaba o noso viciño. Mireino un bo rato. Por raro que pareza, canto máis o miraba menos odio, menos rabia e dor sentía en min. Parecía que aquel pedazo de roca, a 54 millóns de quilómetros de nós, drenaba de min toda aquela merda que me consumía.

Borrado:

#Praia #Jazz #Relato #Conto