Melancolía en catro movementos – Mov. 1

Xusto nese momento soaba en Spotify “Mare Nostrun” de Paolo Fresu. Lémbroo porque no medio da tormenta de raios e ventos furacanados que nos lanzábamos, atinei a formar un pensamento. Foi extraño atopalo alí no medio daquel caos mental.

Pensei que a vida, ás veces, precisaría ter banda sonora, como nas  películas. Imaxínaste? Estar a ter unha discusión como aquela, e que de súpeto, nun “in crescendo”, comece a soar unha música que non ven de ningures, que simplemente se escoita, de fondo, mentres dúas persoas, coma ti e eu, bótanse todos os reproches e todas as miserias á alma.

A música tivo un estraño efecto en min. Xa non tiña gañas de discutir. En realidade xa non tiña gañas de nada. Que sentido tiña? Estabamos a ser dous mariñeiros que reman cada un para o seu lado. Nunca chegaríamos a costa algunha.

Debía marchar. Abrila porta e correr. A atmosfera caótica que reinaba entre nós apertábame o peito, non podía respirar ben. Imaxinei unha estrada longa, infinita, iluminada polos faros do coche. E eu ao volante, coa mirada perdida. Imaxinei que non había mundo máis alá das penumbras, que só existía a estrada. Si, fuxir era o máis axeitado. Como nas películas.


#Praia #Jazz #Relato #Conto