Final feliz, 4

Comecei unha vez máis. Non sería tan difícil.

“Unha vez coñecín unha moza. Ela tiña un vello 306 negro e unhas bragas brancas con lunares azuis. Ela cheiraba a buganvíleas de arrecendo profundo atrapado en rúas empedradas e díxome: senta por aí, en calquera lado, pero non te acomodes que eu mañá traballo cedo. Había no seu peito un baleiro que non deixaba espazo para nada máis. No meu unha ansia que tragaba mares.”

“A ela gustáballe pasar o tempo comigo. Gustáballe que fóramos xuntos a concertos, ao cine, a mirar as estrelas ou simplemente a pasear, pois tanto eu como ela, gustábamos da compaña do outro. Eu non tardei en descubrir que estaba namorando dela.

Unha día falamos de saír por aí xuntos, de ir a cear e logo a bailar. Os dous tíñamos gañas de festa. Eu deixeime levar pola miña imaxinación e pensei que aquela era a miña oportunidade. Que podería pasar mal?

Pero a cousa non saíu como eu imaxinaba e ela marchou cedo porque estaba cansa e non houbo nin baile, nin festa. Entón, caprichosa, saíu a miña parte infantil. Non aceptei que marchase. Rogueille que quedase, que podía incluso quedar a durmir. Non sei si é escusa, pero bebera de máis.

Ela rompeu a chorar, pero aínda entre as bágoas, foi quen de gritarme que non aturaba de min a miña parte egoísta, egocéntrica e acaparadora. A parte que só pensaba en min mesmo e nos meus plans, a que non a tiña en conta a ela, nin á súa dor, nin ás súas tristezas… Logo marchou no 306 negro. Eu quedei no medio da rúa Venezuela mirando un coche que se facía cada vez máis pequeno. Sabía que era o dela porque ía deixando un regueiro de bágoas polo que pronto se fixo río polas empinadas rúas de Vigo.

O final desta historia remátase cunha frase. Nunca máis volvín falar con ela.”

Final feliz

#Final #Feliz #Relato #Conto