A verdade era aquela tal como a escribín hai moitos anos. Unha verdade certa pero que non me gustaba nada. Agora tocaba escribila do xeito correcto, da forma que a min me apetecese. Contar a historia que tería que ter sido.

Volvín comezar. O principio estaba ben así que decidín non cambialo.

“Unha vez coñecín unha moza. Ela tiña un vello 306 negro e unhas bragas brancas con lunares azuis. Ela cheiraba a buganvíleas de arrecendo profundo atrapado en rúas empedradas e díxome: senta por aí, en calquera lado, pero non te acomodes que eu mañá traballo cedo. Había no seu peito un baleiro que non deixaba espazo para nada máis. No meu unha ansia que tragaba mares.”

Logo pensei que a historia era moi longa. Decidín recortar os parágrafos do medio.

“A ela gustáballe facer cousas comigo. Saíamos de cando en vez a tomar unha cervexa, a ver concertos, a camiñar ou ao cine. Éramos dous amigos que gozaban da compaña do outro. E eu comecei a ilusionarme.

Unha noite decidimos ir de festa, a bailar, a tomar unhas copas. Esa tarde paseina enteira nunha nube. Sentía que ía pasar algo que cambiaría a nosa relación. E dalgunha forma non estaba enganado.

Pero aquel fora un día duro para ela e estaba cansa. Quixo marchar cedo para casa e eu volvinme un imbécil medio bébedo que insistiu, que pregou, que quedase a durmir, pois aquilo era xusto o que eu decidira que tiña que pasar aquela noite.

Ela rompeu a chorar. Entón, entre as bágoas, comezou a gritarme que non aturaba de min que fose tan egoísta, tan egocéntrico e acaparador que só pensaba en min, nos meus plans, non nela, na súa dor, nas súas tristezas. Logo marchou no 306 negro pola rúa Venezuela, cara o Corte Inglés, e eu quedei no medio da rúa, mentres o coche facíase cada vez máis pequeno. Eu pregueille por última vez na distancia e ela deixou un regueiro de bágoas que pronto se fixo río polas empinadas rúas de Vigo.

O final desta historia remátase cunha frase. Nunca máis volvín falar con ela.”

Non daba crédito. Volvín a escribila practicamente do mesmo xeito.

Final feliz

#Final #Feliz #Relato #Conto