Brétema, parte 4

Non hai moito máis que contar. Non houbo tempo nin para preguntas nin menos aínda para as respostas. De socate o vento comezou a soplar. O son firme das velas tensándose e volvendo á vida rachou o silencio absoluto que reinaba ao meu arredor. O barco comezou de novo a moverse e con el a néboa, que empezou a disiparse, a esmorecer, volvéndose traslúcida e entón puiden intuír a estribor a sombra da costa e no alto, o ceo e o sol. O barco tamén se fixo translúcido, logo transparente, ata desaparacer como se fose un suspiro e eu atopeime no medio do mar, xusto no punto entre as illas no que parara. As ondas volvían a romper na amura da miña lancha e sentín, rencorfontante o calor do sol do mediodía. Eran as doce. Levaba case cinco horas alí parado.

Prendín o motor e volvín a porto. Pilotaba a lancha de xeito mecánico, cómo ido. De feito nin me preocupei por si me paraban e me preguntaban que facía no mar. Logo amarrei no pantalán e saín da mariña sen saudar, de novo, ao vixiante. Ao volver a casa mireime no espello do ascensor e entón lembrei aquel conto de Poe, o do tipo que era atrapado por un remuiño de mar no estreito que separa Dinamarca de Escandinavia e que salvaba o seu pelexo pero que tal fora o terror que sofrira que o pelo se lle volvera todo gris. Eu tamén o tiña así. Aquela mañá aínda era un home de mediana idade cun fermoso pelo negro. Agora era un home de mediana idade co mesmo pelo pero completamente branco. Como o meu xemelgo do galeón. Xusto como el.

Non adoito pensar moito en todo iso. A ninguén lle contei que pasou, e como vivo só non tiven que dar moitas explicacións da cor do meu pelo. Simplemente non volvín saír da casa ata o final do confinamento e cando o fixen fun direito ao salón de peiteado a cortalo a cero. Logo, tratei de esquencer o estraño encontro como se tivese sido un mal pesadelo.

Pero de cando en vez esperto pola noite soñando que viaxo atrapado nun galeón negro no medio dun neboeiro eterno. E soño tamén que atopo un bote á deriva. E que no bote hai un home, un home que se parece a min. Pero máis novo. Moito máis novo.

Brétema

#Brétema #Relato #Confinamento #Conto