Brétema, parte 1

Despois de case dous meses de confinamento levaba días medrando en min un desacougo inaguantable e xa non aturaba máis nin a reclusión entre aquelas paredes da miña casa nin a inmensa morriña pola soidade do mar ou pola compaña das ondas.

Aquela mañá o día clarexou ca cidade acubillada nunha brétema mesta e impenetrable que me falaba ao oído, que me dicía que aquela era a miña, que si dende o meu balcón non se miraba o parque que teño xusto diante de casa, menos aínda se miraría o meu bote no medio do mar. Que se apuraba tería a lo menos dúas ou tres horas antes de que a calor do sol a obrigase a desfacerse cómo se desfán as flores das leitarugas así que se levanta un pouco o vento.

Fíxenlle caso e corrín ao porto con medo a que algún policía me parase polo camiño. Cun saúdo mínimo ao vixiante baixei ao pantalán e en apenas quince minutos, apertando ansioso o timón da miña lancha, estaba no mar, camiño da canle do porto, amparado pola invisibilidade do fuscallo.

Respirei con profundidade. O cheiro salgado do aire invadiu os meus pulmóns— tamén a miña alma— e sentín unha alegría que afastou todo medo. Aquilo era a esencia da liberdade, pensei. No fondo non tiña sido tan malo ter saído a pescar e desafiar a prohibición, porque ao fin, o desafío, a protesta, a desobediencia, eran elementos inseparables da natureza humana. Sentínme un neno malo. Sentín o doce sabor das galletas roubadas en segredo polo neno que sabe que ten prohibido collelas. O doce sabor da falcatruada que sae ben.

Deixeime levar, o resto do camiño, pola ledicia dunha victoria tal, ata que cheguei a unhas illas que hai ao sur da miña cidade. Metínme xusto no medio. Aquel era un bo sitio para botar o sedal. Tan bo cómo outro calquera. Deixei a pequena embarcación sen o rizón, ao pairo, porque o mar estaba calmo e liso como un espello. En realidade iso é unha falacia. O mar nunca está “completamente quedo”. Móvese sempre. Cómo se respirase. Cómo se tivese un corazón que palpita.

Brétema

#Brétema #Relato #Confinamento #Conto

Brétema – Parte 2