Regreso a A Viaxe de Chihiro

Certos días hai que recordalos aínda que xa teñan pasado, amigo Pedro, pois certas cousas son inesquecibles e hai que volver a elas unha e outra e outra vez máis. Unha es ti que estás a tantos anos luz da terra. A outra, entre moitas, é unha película. A Viaxe de Chihiro.

Dáme mágoa non ter atopado oco para lembrala estes días, pero os días, cando nadan en abundancia de alegrías e bos momentos, pasan deliciosos como a fermosa melodía do vídeo que poño máis abaixo. Os desta semana foron así, viñeron de cor vermella e laranxa, e tamén ocre e dourada, sentidos e delicados, cheos de enerxía e de música, pois foron días de Jazz e Blues. Días, porén, de emocións.

Que concertazos este ano, amigo meu… Alfonso Calvo Septet Abe Rábade TríoDon Bryant and The Bo-Keys… buf! Aínda agora vibro cas notas que seguen atrapadas entre o labirinto e os miolos do máis fondo da miña cabeza. Facía tempo, facía tempo que non gozaba tanto…

Que pode haber máis terriblemente fermoso que deixarse levar polo ritmo de vagariño dun vagón…

A cousa é que o xoves chegoume un aviso pero non o mirei. Si, xusto como o peculiar caso do pardal. Non souben mirar o sinal, outro máis, e vai ser que é iso, que non sei mirar os sinais, que me movo sen mirar, sen pensar…

Penso que foi o último tema de Abe Rábade Trío. A batería soa facendo o son do tren e comeza unha melodía limpa, cristalina, ao piano. Fala do aire, do ceo azul e das nubes que o cruzan dándolle ese toque dramático que tanto me gusta. Non ten case máis fondo que o contrabaixo ca consistencia da terra que pisamos. Ou do mar. E entón atópome pensando que aquela podería ser unha boa música para a escena do tren da Viaxe de Chihiro.

Podes imaxinar a magnitude do pracer que sentín nese preciso intre? Na miña mente uníranse dúas cousas marabillosas. Aquela deliciosa música de Jazz e o incomparable filme xaponés. Ah… si, o aviso que non mirei… tan só foi que onte, vinte de xullo, fixo, exactamente, 17 anos da estrea, en Xapón, de A Viaxe de Chihiro.

É por sio, que quería compartir contigo esta pequena alegría. Sei que ti estás mais aló de todo filme e celebración. Que estas humanas cousas xa non te conmoven. A min si… Sei que tería sido mellor visitala onte, pero mañá ou se cadra pasado, volverei á terra secreta onde a gula convérteche en porco. Non, non van pasar moitos días sen que me deixe levar polo vento de Haku, polas augas perfumadas do balneario dos deuses, pola firme resolución de Chihiro… Ou como non, polo sentido paso dun tren que cruza, case flotando, un mar que non parece ter fin.

Que pode haber máis terriblemente fermoso que deixarse levar polo ritmo de vagariño dun vagón, mentres unha illa solitaria, viaxeiros sombríos que agardan nunha plataforma, casas que son siluetas ao lonxe, vanse mostrando como se fosen imaxes descontinuas da vida mesma? Créeme: nada pode haber mellor que a incomparable emoción de viaxar nese tren. Nun tren. En calquera.

Tan só unha cousa… Acaso, Pedro, non foi así, en certo modo, a túa viaxe alén da Vía Láctea? Non te deixaches levar tamén por un ritmo relaxante, mentres a túa soidade enchíase de imaxes de soles, galaxias, nebulosas ou buratos negros?

Non ves? Ao final todo, absolutamente todo, está conectado. Veña, amigo meu, que teñas un bo día.


A Sexta Estación – A Viaxe de Chihiro.