Amigo Pedro… hoxe, sentíndoo moito non che vou escribir a ti. Eu sei que ti ben o entenderás. Porque hoxe, 23 de maio, quero falar da miña nai.

Ela, miña nai, é a persoa á que máis cousas lle teño que agradecer de todas as persoas cas que teño atopado no meu camiño. E non só porque tivo que aturar a un neno que non tiña parada, a un adolescente cun xenio de mariñeiro e garda civil e a un adulto ca memoria dun paxariño que só tiña tempo para o seu.

Porque ela foi a que me atendía nesas noites nas que eu espertaba abafado e avergoñado. Ela era a que me facía as mellores tortillas de patacas, os mellores arroces con polo, as mellores lentellas, as mellores empanadas, os mellores ovos encapotados, os mellores muxos ao forno… os mellores biscoitos, as mellores filloas e as mellores orellas.


Nai

Miña nai, á dereita de todo, cas miñas tías

Porque ela era a que me limpaba con agarimo os ollos cando espertaba con eles pechados e non podía mirar… porque ela era a que me levaba día si e día tamén ao médico para mirar a fimose, para mirar a escoriose, para mirar os fungos nas unllas, para mirar a miña alerxia, para mirar os pés planos que en realidade tiñan ponte de máis, para mirar os meus ollos, para arranxarme o pulso cando o rompín, para mercarme gafas cando as perdía ou as rompía, cando me levaba a por a inxección do tétanos porque cravaba un cravo no pé, ou a que se asustaba cando caía ao río do Con…

Ela era a que me facía a cama, a que me ía buscar ao colexio e que me levaba, a que me tiña sempre listo o almorzo, a que me obrigaba a darme un baño, a que me limpaba a roupa, a que tiña paciencia comigo cando meu pai se volvía tolo porque eu non aparecía, a que me facía aquela merenda de bocadillo de chourizo ás veces con manteiga, a que me teceu unha chaqueta de punto, a que me arranxaba os pantalóns, a que me fixo disfraces, a que me coseu as miñas camisas de liño, o meu chaleco de gala, a que me arranxaba un roto e un descosido.

ela para min foi a nai máis guapa, a moza do meu pai máis guapa… E agora segue a ser a máis guapa, a máis lista, a que mellor canta!!

Ela era a que aturaba os meus enfados, os meus egoísmos,os meus gritos, o meu xenio, as miñas chantaxes. Ela foi, en fin, a que tivo que aguantar os meus caprichos. Pero tamén as miñas brincadeiras, as miñas cóxegas, os meus cantares… que en certo modo os aprendín dela, como non…

Sei que 44 son moitos anos para aturar a un fillo. Pero tamén sei que ela era a que se alegraba dos meus aprobados, dos meus premios e dos meus pasos. Do meu falar e da miña letra, ás veces un pouco revirada. Ela foi á que non lle importou que volvese de Inglaterra cun aro na orella, ou que deixase o pelo longo. Ela foi a que tiña fachenda de min na Universidade, cando gañei un concurso de escritura, cando cantei no Orfeón do Bervés ou cando tocaba ou bailaba con Malveiras ou O Fiadeiro en riba dun escenario.

Eu ben sei que ela non gustaría de ter outro fillo chamado Eduardo que non fose eu. Funlle o primeiro e supoño que tamén o máis complicado, o máis rabudo. Supoño, non o sei, que non o pasou ben cando collín o sarampión, cando me operaron das amígdalas ou cando rompín o brazo. Ou mesmo cando pasei aquel verán con botas ortopédicas.

Pero cada vez que penso en alguén a quen eu queira moito, case a primeira e ela. Tamén penso no meu pai, nos meus irmáns, na miña tía Chelo, Juli, Isabel… Ou nos meus avós. Pero ela… ela para min foi a nai máis guapa, a moza do meu pai máis guapa… E agora segue a ser a máis guapa, a máis lista, a que mellor canta!! Se quere que lle instale o Illustrator!!! Ela que fai unhas roscas de Pascoa que case son un pecado!!!

nai
A miña nai e a miña tía Chelo, de esquerda a dereita, de novas.

Miña nai hai 69 anos que naceu. Un día como hoxe (en realidade como onte, pero hoxe é o que aparece no carné). Eses anos non foron doados. Aturar á nai do meu pai non foi doado. Aturar ao meu pai non foi doado. Aturar a tres fillos non foi doado. Pero eu ben sei que eu non podo querer nai mellor. Non quero outra… Só podo darlle a ela as grazas, e todo o amor que podo dar… porque no fondo, por moito que un home poña parte de si mesmo nun fillo, nos somos e seremos sempre, un anaco das nosas nais… da miña nai… porque ela foi a que me pariu.

Por iso, miña nai, MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!!