Mentiras e gordas

Coa verdade non se xoga. Coas mentiras menos, e din que se atrapa antes a un mentireiro que a un coxo. Eu creo que depende: e se no canto dun coxo é un casado? En calquera caso, amigo Pedro, sempre me asalta unha dúbida. Que é a verdade? É redonda ou cadrada? É opaca ou transparente? É, porén, inalterable? Dime, ti que estás tan lonxe, transfórmase a mentira na verdade, ou viceversa, co paso dos anos luz? Que bobadas penso, non? Déixame, pois, que vaia ao gran do que che quero contar.


O líder do Partido Popular é un cabaleiro de palabras contundentes. Polémicas. Por cada discurso público seu son centos, senón miles, os que se levantan ríndose ou acusándoo de palabras cheas de mentiras. A última que o PP é autor, por obra e graza do espírito santo, da Lei de Violencia de Xénero.


Aprender dun libro: 1984.


Unha persoa, para ser sobresaínte no seu eido, necesita, ante todo, ler e informarse moito. Por que afirmo isto? Porque a Pablo Casado nótaselle a lectura. E estou convencido de que un deses libros que leu foi 1984 de George Orwell. E non o fixo para coñecer os perigos que o futuro pode deparar á humanidade. Non. Se Pablo Casado leu ese libro foi para aprender a gañar, para aprender a derrotar aos inimigos del mesmo e da patria, que segundo o seu propio discurso, case son o mesmo.


Sexamos, Pedro, conscientes de algo. Pablo Casado non mente porque sexa, como moitos afirman con bastante e relativo sentido, un mentireiro compulsivo, que podería selo igualmente. Non, mente porque se cre que, como no libro, a verdade pode ser manipulada, xa que sempre haberá alguén disposto a tomar por verdade as palabras do líder do PP.

…que llas van aceptar coma se acepta un xeado que é gratis a pesar de que intúen que debaixo da superficie non hai absolutamente nada.


E é que a xente, en xeral, prefire que lle conten que é o que ten que crer, antes que ter que pensar, razoar, contrastar… que nos metan a comida na boca directamente. E se pode ser mastigada, salivada e convertida en bolo alimenticio mellor aínda. Volvémonos uns seres preguiceiros que vivimos cun sofá pegado ao cu, seres que estamos dispostos a entregalo todo a cambio da nosa cómoda, descansada e apracible vida civilizada. Que nos din que a Terra é plana? Pois sempre haberá alguén disposto a créelo porque o din na tele, nun programa de máxima audiencia que dirixe e presenta un señor moi famoso que abofé que é moi intelixente.


Sofá e TV


 

 

A verdade mentireira.


E se nos cremos que a Terra é plana con tal de non ter que pensar, como non nos imos crer calquera cousa, incluso as que diga un político? Isto sábeo moi ben o Señor Casado. Que a xente está disposta a crerse todo. Que a el, unha grande maioría dos votantes de dereitas e quizais outros cantos que se din de centro, non lle van cuestionar nunca as súas palabras e que llas van aceptar coma se acepta un xeado que é gratis a pesar de que intúen que debaixo da superficie non hai absolutamente nada.


Non creo que o Señor Casado sexa un mentireiro compulsivo, posto que sabe perfectamente o que fai. E iso é o que dá máis medo, porque teño a lixeira sospeita de que se a tríade de dereitas alcanza o goberno, un dos ministerios de nova creación vai ser o Miniver (aínda que sexa ás agachadas, como o traballo de Villarejo). Non será o único pois algo lle terán que ofrecer ao Señor Abascal. Adiviñas, amigo meu, o nome dos outros ministerios? Que o demo nos colla confesados.