Liberdade ou paz?

Pedro. Quixera que me responderas a unha pregunta: se tiveses que escoller entre PAZ ou LIBERDADE e só puideses escoller unha das dúas, cal escollerías? Pénsao ben, que non é unha cuestión lixeira nin sinxela de responder.

Pensa, por exemplo, que son a liberdade e a paz. A liberdade eu enténdoa como a capacidade de tomar decisións sen estar condicionado por outros e seguindo tan só as ideas propias. A paz é máis complexa de definir. Para min é un estado de tranquilidade, de felicidade, un estado das xentes e de cada persoa oposta aos conflitos, á guerra, ás loitas, onde reina a concordia entre todos.

Paz

Ti, como moitos, posiblemente dirás que escollerías a paz. E nese caso, amigo meu, preguntaríache se poderías ter paz sen liberdade, si sería posible. A miña resposta é clara: unha sociedade así seria unha total e completa ilusión. Un engano. Ou mellor aínda: unha escravitude.

…porque nunca poderemos ter unha paz total como sociedade sen renunciar á nosa liberdade como persoas.

Lembra algúns exemplos da literatura como o terrible “1984” de George Orwell. Un mundo, supostamente en paz, no que os cidadáns teñen tan só que limitarse a vivir e nada máis, pero no que son imposibles os impulsos máis pasionarios da alma humana ou a crítica máis elemental. Ou lembra o mundo de “Un mundo feliz” de Aldous Huxley, rebulindo paz e equilibrio, con todas esas castes a cada unha máis feliz e despreocupada, condicionadas pola xenética e liberadas de toda conciencia e remorso polo adormecemento do soma.

1984. Paz ou liberdade?
1984


Non sería ese o caso tamén da nosa moderna e civilizada, valga a redundancia, civilización moderna? Cantas liberdades temos entregado a cambio dunha suposta paz dende aquel terrible setembro de 2001? Deixamos que nos espíen (por si o fan con este texto… vou saudar, hai que ser, canto menos, educado…), que nos controlen, que nos limiten, e todo por vivir en paz, tranquilos, en seguridade total e iso é imposible porque a paz total é unha utopía, sempre haberá tolos dispostos a todo. Non hai exemplos á mantenta todos os días?

O que quero dicir, Pedro, é que a liberdade non ten porque traer a paz.

Liberdade

Pola contra, a liberdade, e, ao contrario que a paz, dela si que pode alcanzarse a paz. Haberá quen argumente, pode que ti o fagas, que a liberdade é perigosa, que sempre poderá haber quen a use indiscriminadamente, sen límites, sen importarlle o próximo e que nese caso, quen quere liberdade? Si, non o nego, pero eu respondería que aínda que iso é certo, ca liberdade existiría a posibilidade de alcanzar a paz.

Déixame que aclare iso. Non falo dunha paz total. Falo dunha aproximación similar ao concepto de límite en matemáticas. Lembras? O límite era aquela recta á que unha curva se aproximaba pero que nunca chegaba a cortar. Do mesmo xeito, penso que a paz total é un concepto ao que debemos achegármonos sen alcanzalo, porque nunca poderemos ter unha paz total como sociedade sen renunciar á nosa liberdade como persoas.

E penso que iso débese, exclusivamente á nosa natureza como seres vivos: a paz non é unha característica dela. Sempre andamos á súa procura pero sempre vai haber algo que nos afaste dela: case podemos tocala ca punta dos dedos, sentir a súa morna presenza, pero si chegamos a collela desfaise como a escuma do mar.

Un mundo feliz. Paz ou liberdade?
Un mundo feliz


Pola contra, amigo meu, na nosa natureza de seres vivos a liberdade é algo tan intrínseco como o morteiro que mantén unidos os grans de area do cemento. Se non a temos loitamos por ela de xeito case inmediato e instintivo. E cando nos falta sentimos a súa falta como o mal soño esquecido que nos atormenta silenciosamente ao despertar.

Queremos comodidade, benestar, seguridade e estabilidade. E por iso estamos dispostos ás máis terribles renuncias porque temos medo de perder todo iso. Pero o cambio, e tamén a inquietude e o perigo, son necesarios porque forman parte do equilibrio que mantén todo en funcionamento. Non podemos renunciar a eles porque iso levaríanos polo camiño da entropía, e a vida é xustamente o oposto.

Vida

Por iso eu prefiro a liberdade, porque é mesmo que a vida. A vida é liberdade e a liberdade é vida. A liberdade sempre antes, sempre irrenunciable, Pedro, porque sen ela calquera estado pacífico sería unha mera ilusión. Un só exemplo máis. A sociedade Eloi de “A Máquina do Tempo” de H. G. Wells. Unha sociedade en paz de vexetarianos que viven en equilibrio ca natureza, pero desproveitos de calquera sentimento ou intelixencia, agás a felicidade do eterno lecer e o medo terrible á noite: porque de ela saen os Morlocks, os homes da profundidade, horrendos, monstruosos e caníbales.

Como neste presente, tamén cheo de Morlocks, ocultos na escuridade dos estados e das corporacións. Non… nego esa paz, Pedro. Quero alegría e sosego, si, claro, pero tamén tristeza e remuíños, dos que mesturan todo, porque como poderías recoñecer algo se non coñeces tamén o oposto? Non pode existir branco sen negro. Non pode haber paz sen conflito e iso é a liberdade.

Pénsao. Renunciar á liberdade pola paz e como renunciar a non ter soños.

A máquina do tempo. Paz ou libertade?
A máquina do tempo.