Lévame voando á lúa

Lévame voando, lévame voando á lúa/ e déixame xogar entre as estrelas/ déixame ver/ todo o que quero é ver como é a primavera/en Xúpiter/ en Xúpiter e Marte/en outras palabras, colle a miña man/ en outras palabra, cariño/ quérote!

Casualidades que fan divertida a vida. Pedro, nestes tempos recoñezo que só escoito música en Spotify. Saben perfectamente o que quero escoitar e todas as semanas ofrécenme unha selección que sempre me gusta. Comodidades da vida moderna e da falta de privacidade nas redes.

A cousa é que o outro día na lista soou unha canción que me fixo moverme, bailar, sorrir… Unha canción que me encheu de enerxía, de forza e de alegría e que me puxo a carne de galiña da caluga aos pes. Era “Fly me to the moon (Lévame voando á lúa)”, pero non a versión que todos coñecemos. Non cantaba Frank Sinatra, non. Era un tal Bobby Womack.

Lembras aquela banda dos 80 que se chamaba Womack & Womack e que tiveran a aquel éxito “Teardrops”? Pois Bobby era o irmán maior del.

E ten esa paixón que só teñen as persoas que realmente, a pesares de todo, quérense

Total… que estaba eu escoitando a canción esta, o “Lévame voando á lúa”, con todo o seu feelling e o seu soul, case bailando, cando decateime de que xa a escoitara antes. E de que ese era o motivo de que me emocionase tanto. Busqueina en Youtube e levei unha sorpresa. Claro! Era a canción que soa na última escena de “Relatos Salvajes”!

A casualidade foi que este domingo volvendo dun paseo glorioso do que xa che falarei outro día, na radio, en Sonideros de Radio 3, de súpeto escoitáronse os acordes de guitarra que fan de introducción a Bobby Womack para que solte o “Fly” como se fose a risa dun neno. E púxosenos a pel de galiña de novo e comezamos a cantar e a bailar, mentres do coche, polas rúas de Marín, saía felicidade polas fiestras baixadas como a escuma do champán desbordando o baso.

Ben, oxalá puideses escoitar a versión de “Fly me to the moon” alá en Aldebarán. E mirar “Relatos Salvajes” ca súa marabillosa escena final. Porque dende aquel día non parei de escoitar a canción e de mirar o corte final da peli, porque fanme pensar e entender o que é o amor e compartir a túa vida con alguén. Oxalá ti tamén puideses facelo. Se cadra así volvías das estrelas…

Pero, Pedro… déixame que o intente. Mira, gústame moito a versión orixinal de “Lévame voando á lúa”. É boa, unha peza complicada de cantar. En serio. Levo tempo querendo aprendela e as notas son difíciles de aprender. Ten moitos semitóns e está escrita en modo menor, o que quere dicir tristeza e melancolía. Tristeza non ten, pero si que é un tema melancólico: ti, home ou muller, ao que tanto quero, es tan importante para min que cada vez que me bicas lévasme á lúa ou a xogar cas estrelas.


Frank Sinatra and Count Basie – Fly me to the Moon

 

Lévame voando á lúa, por Bobby Womack!

Pero a versión de Bobby Womack! Faime caso: é cen veces mellor. É a mellor versión de todas! Pedro, non sei si será que no meu maxín xa está asociada sen solución de arranxo ca escena final de“Relatos Salvajes” pero o certo é que ten un ritmo máis alegre, un ritmo e uns arranxos que falan do amor pero de outro xeito. E ten esa paixón que só teñen as persoas que realmente, a pesares de todo, quérense. A versión que ti coñeces resulta aburrida… esta é potente, ten a forza do amor que doe, que manca, pero que cura e que fai feliz. Non o ves? Non ves con que gañas canta el, como se deixa a gorxa?


Bobby Womack – Fly me to the Moon

 

Sabes como é a cousa? A canción fala de alguén que lle di á súa parella, “si, claro que te quero, a pesares de que teñamos desencontros, a pesares de que ás veces nin eu soporte os teus apuros nin ti as miñas calmas, a pesares de que non sempre nos fagamos caso, a pesares de que ás veces pense que ti es un cabrón sen corazón que só me fai chorar e perder a cabeza: querémonos tanto que despois de gritarnos o un ao outro como se non houbese un mañá, despois de romper todos os espellos e toda a vaixela, despois mandar todo á merda e de caer polo precipicio, despois, incluso, de matar o noso, facemos como dous adolescentes o amor enriba da mesa camilla que leva o pastel porque, a nos, nene, únenos o pegamento máis forte, porque afíxenme a ti, porque enches a miña vida de cancións, porque só ti me fas voar a Xúpiter e a Marte, porque só ti es quen de levarme voando á lúa.


PD: non atopei o vídeo desa escena de “Relatos Salvajes” e aínda que o atopase non cho poría para non fastidiarte o final grandioso desa película. Pero si podo mándoche o enlace para mirala online nun email porque, en serio, amigo meu… tes que mirar esa película XA. Non só por esa escena… tamén polos tolos suicidas da estrada, polo Inxenieiro Bombita, pola cociñeira de papas con matarratas e… xa verás que boa!

Lévame voando á lúa - Relatos Salvajes
Reltos Salvajes