Cousas marabillosas

No mundo pasan cento de cousas marabillosas, só que ás veces hai que ter a sorte de estar diante.

Vouche propor un xogo. De imaxinación. Mira a foto e imaxina este patio cheo de nenos, dunha ducia de nenos de troula, brincando, correndo, rindo, gozando, xogando nas pozas. Imaxina os paraugas no chan, voltados ao ceo, facendo burla das nubes, tomando a choiva. Imaxína logo, aos nenos, indo dentro, a quitar a roupa mollada e por unha muda seca.

Cousas marabillosas
Cousas marabillosas

Chegar a casa despois dun longo día de traballo e tirar os zapatos de calquera xeito en calquera lado.

Se cadra isto que che conto non pasou. Ou se cadra esas ondiñas na auga son as memorias acuáticas dos seus pes saltando e correndo hai nada. Tanto ten. Porque estas cousas son as que fan mulleres e homes sen medo, libres… e felices. Homes e mulleres que aprenderon que na vida hai que saber gozar e que de cando en vez hai que deixar de lado a seriedade, as normas e a razón. Porque se un sabe que logo hai que secarse, que hai que quecer, unha poza pode ser un improvisado parque acuático calquera mañá de maio. O mundo está cheo de cousas divertidas. Pequenas cousas divertidas.

Como…

Tirarse por un tobogán con 44 anos recén cumpridos.
Baixar a toda velocidade unha costa ca bicicleta.
Sentir o sol e a brisa na cara nun paseo polo bosque.
Darse un baño na praia ás 11 da noite despois dun abafante día de traballo.
Asubiar pola rúa.
Cantar pola rúa.
Cantar na ducha.
Cantar mentres cociñas.
Cantar mentres conduces.
Cantar como un tolo.
Bailar no salón, por que si, Harvest Moon.
Deixar postas, no patio, todo o ano, as luces de Nadal.
Pasar a tarde lendo un libro sentado baixo as polas dun carballo.
Durmir a sesta no sofá.
Erguerse ás sete e media a ollar os lóstregos.
Erguerse tarde.
Pasar o día enteiro, na túa casa, espido.
Camiñar descalzo pola area.
Camiñar descalzo pola casa
Chegar a casa despois dun longo día de traballo e tirar os zapatos de calquera xeito en calquera lado.
E a roupa.
Un abrazo expontáneo.
Un bico expontáneo.
Deixar os pratos da cea sen fregar ata o día seguinte.
Dicir “pene” no medio da rúa cada vez máis alto.
Mirala durmir.
Mirala camiñar, espida, nas puntas dos pes.
Rir por calquera cousa.
Non facer nada.
Xogar ás agachadas.
Xogar ao pano.
Xogar ás cartas.
Xogar.
E como non… saltar nas pozas que deixan, nas rúas, as augas de maio
.