A xusticia pola man, Rosalía de Castro

Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837, hai 181 anos, e, amigo Pedro, aínda con esa distancia temporal que nos fai tan distintos en costumes e pensamentos, foi unha escritora e poeta galega cun ollar que aínda hoxe en día pode ser considerado axeitado. Se cadra, amigo meu, porque os tempos non cambiaron tanto dende aqueles nos que viviu ela. Porque aínda agora, ás veces, parece que hai que facer a xusticia pola man.

Non quero estenderme. Non vou contarche a súa vida e obra, aínda que outro día, se queres, polo puro pracer de facelo, cóntocha. Hoxe simplemente quero por estes versos que están sendo repetidos por todos lados unha e outra vez. Créeme… son moi acaídos, moi certos, moi necesarios, como contraposición á brutalidade e á barbarie de nos mesmos. Ou polo menos dunha parte de nos mesmos. E non digo máis.

Aqués que tén fama de honrados na vila
roubáronme tanta brancura que eu tiña,
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puxéronma en tiras.

Nin pedra deixaron en onde eu vivirá;
sin lar, sin abrigo, moréi nas curtiñas,
ó raso coas lebres dormín nas campías;
meus fillos… ¡meus anxos!…, que tanto eu quería,
¡morreron, morreron, ca fame que tiñan!

Quedéi deshonrada, murcháronme a vida,
fixéronme un leito de toxos e silvas:
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

-¡ Salvádeme, ou, xueces!, berréi… ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeume a xusticia.
Bon Dios, axudáime, berréi, berréi inda…
Tan alto que estaba, bon Dios non me oirá.

Entonces, cal loba doente ou ferida,
de un salto con rabia pilléi a fouciña,
rondéi paseniño… ¡Ni as herbas sentían!
I a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Miréinos con calma, -i as mans estendidas,
de un golpe, ¡de un soio! deixeinos sin vida,
i ao lado, contenta, sentéime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces…, estonces cumpréuse a xusticia,
eu, neles; i as leises, na man que os ferira.

Rosalía de Castro, Follas Novas