Óscar e Félix, parte 1

A primeira vez que crucei con eles quedei pensando en certa vella película.

Eu aínda estaba desorientado despois de pasarme as dúas últimas semanas a tempo total cunha mudanza interminable e desesperante: subir caixas, desfacer caixas, recolocar o caos que cubría os escasos 30 metros cadrados do parqué da miña nova casa e volver con crecente impaciencia á miña anterior e monótona vida de escritor. Durante eses días o que quedaba fóra daquelas catro paredes simplemente non existía: a cidade, o barrio, os veciños. Eles dous tamén.