Unha cama desordenada, 2

Pero como se pode loitar contra a entropía? A tela non ten memoria pois é unha orografía de vales e serras que se reinventa a si mesma cada novo día. Só un tolo, un desesperado atreveríase a unha tarefa así, porque é a loita imposible de intentar perpetuar as engurras que deixou o corpo da muller nas sabas, de recompoñelas, de facelas eternas, como se fose un ourive que tece abelorios con grans de area.

Betula oculis

A min encantábame saír a pasear, baixo o sol do inverno, polo bosque, paseos, interminables e silenciosos, que me traían paz. Camiñar entre os troncos que subían lixeiros e estirados cara o ceo azul, e tan brancos que mesmo parecían de prata, facíame sentir feliz, tranquilo, consciente. Imaxinábame tamén alto, delgado, rubindo cara as nubes e o sol e a sensación era case mística.