Óscar e Félix, parte 3

Un día pasou algo. Ao volver a casa escoitei, polo rexoubeiro patio, a Oscar chorando. Ao parecer Felix marchara do piso. Eu non puiden deixar de pensar se realmente eles non serían, nun extraordinario intento da fantasía por imitar á realidade, a verdadeira estraña parella… tan grande era o paralelismo.

Pola tarde descubrín que non se parecían tanto, que realmente eran máis o Señor Carlos e o Señor Eduardo que Oscar e Felix, que si se parecían tan só era de portas para fóra, que tiñan moito de seu, que eles podían contar a súa propia e diferente historia. Vovendo de tomar un café no bas da esquina, a viúva do cuarto, que tiña a porta do lado de eles, asaltoume nas escaleiras, escandalizada, alterada. Os dous vellos discutiran, e Eduardo, canso de aturar a Carlos, marchara e ela alegrábase, tíñano merecido. O motivo tanto lle tiña á do cuarto, a ela só lle importaba que aqueles eran uns mariconazos, uns pervertidos, uns desviados que ían arder no inferno, que xa os tiña pillado mais dunha vez bicándose no portal, que pola parede escoitaba ela todas as noites os ruidos infernáis dos seus praceres carnáis.

E eu, que rabiaba por dicirlle algo á señora, por facela calar, só atinei a quedar alí parado, nas vellas escaleiras, tratando de ignorar, de facer desaparecer dos meus sentidos, á noxenta maruxa, apenado e sentindo unha profunda mágoa e tristeza, e entendendo por fin, porque naquel exacto momento decateime de que no fondo sabía, dende aquel primeiro encontro, que era máis que simple amizade o cariño que se tiña aquela estraña parella.

A estraña parella

#Oscar #Relato #Félix #Conto #Estraña parella