Óscar e Félix, parte 2

Co tempo e o patio de luces, un estreito oco de apenas dous por dous que transmitía á fiestra da miña cociña toda a información mellor que se no edificio unha vella porteira editase un xornal de tirada veciñal, cheguei a coñecelos, penso eu, bastante ben.

Non podían ser, e así logo se me confirmou, dous tipos máis diferentes. O alto era un vello fachendoso do seu aspecto, sempre vestido con refinada elegancia. Notábase que pasaba o día preocupado pola roupa e só en contadas ocasións atopeino vestindo outras que non foran traxe e camisa con flor na solapa. Todo o seu estilo desaparecía ao entrar na casa, onde se volvía un home descoidado, desordenado, incluso sucio, que non paraba de fumar e que non dedicaba ás tarefas diarias máis que o tempo preciso.

Oscar pasaba o día tirado no sofá, escoitando vellos programas de radio e bebendo anís como as vellas. Ou se non, invitaba a uns coñecidos para pasar a tarde xogando ao mus e deixar a casa como a praza da vila logo dun día de feira.

A Felix, un tipo serio e tranquilo, aquilo poñíao dos nervios, pero aquel home calvo e ben afeitado, tiña a delicadeza de só perdelos por completo cando estaban en casa. Felix era gordecho e a pesares de sempre estar ben aseado tiña aspecto de ser despistado, cos seus lentes en permanente perigo de caer. Lembrábame un vello profesor universitario, un deses tan eméritos e cheos de po como a súa vella cátedra. Pero tamén era ordenado e calmo, tanto que resultaba maniático, excesivo, desas persoas que teñen que seguir as regras sen descoidar unha, non vaia ser que a madre superiora os castigue por desobediencia. E esa era a orixe dos enfados de Oscar, que polo seu lado non aturaba aquela orde milimétrica, a limpeza incansable de palacio.

En calquera caso sempre tiña as miñas dúbidas. Non daba decidido se o ovo fora antes que a galiña, se a estudada facilidade para deixar todo tirado de Oscar era resposta descarada á manía por ter todo ordenado de Felix, ou se Felix afanábase como se mañá fose o fin da cristiandade porque Oscar era o home máis lacazán do mundo enteiro.

Eu, segundo pasaban os días, íalle collendo cariño a aqueles vellos. Lembrábanme aos meus propios pais. Si, aos meus pais, que pasaban o día discutindo pero que en realidade queríanse a morte, pois había entre eles un cariño especial, algo diferente, como esas parellas de maiores que seguen a bicarse e a collerse da man e que non teñen reparos en facelo mentres pasean pola rúa.

A estraña parella

#Oscar #Relato #Félix #Conto #Estraña parella