O inesperado encargo de Armando Keistel (2)

“Atopa a Gregorio Samsa.” Non puido evitar que a frase quedara atrapada nos seus miolos, leando os seus pensamentos unha e outra vez, polo que non foi quen de concentrarse en toda a mañá. As doce e dez minutos do mediodía, durante unha inevitable pausa para un té, tomou unha terrible decisión: ás seis da tarde, ao saír do traballo, trataría de localizar, por todos os medios ao seu alcance, á irmá de Samsa, Grete. Armando, era un home pragmático e considerábase, a pesares da súa escasa relevancia social, un idealista que aínda non tivera ocasión de enfrontarse ao desafío da súa vida. Se alguén lle pedía, mellor dito, se alguén lle rogaba que descubrise cal fora o horrible destino de Gregorio Samsa, el, Armando Keistel non dubidaría. Tal era o seu destino.

Grete Wohryzek foi unha pequena pedra no camiño. Atopala foi doado, ao fin ao cabo, casara cun recoñecido médico da cidade. Máis a muller, se cadra tratando de afastar tan miserable aspecto do seu pasado, actuaba como se o irmán nunca tivera existido, como se ela fora realmente filla única. Cun punto de feminina obstinación, negouse a responder as preguntas pero Armando sentía dentro del unha furiosa determinación, e por fin, tras moito insistir, logrou que ela lle indicase a dirección da terceira criada, a única persoa que mostrara un pouco de piedade por Gregorio.

Antes de marchar, o columnista, intransixente e desapiadado, deu, por medio de ameazas e chantaxes, que Grete lle explicase unha dúbida que romía nos seus miolos dende que empezara a súa investigación. Acaso non se contara, con todo luxo de detalles, na prensa e no ridículo libro escrito polo infame escritor Franz Kafka, que Samsa fora deixado á súa sorte, sen proporcionárselle alimento, ata que lle chegou de xeito atroz a morte? A irmá, entre choros e saloucos, cunha dor que retorcía a súa fermosa cara, confesou a verdade: Gregorio Samsa foi levado, por petición de Milena Bauer, a terceira criada, a un lugar descoñecido, lonxe da súa familia, onde ela o coidaría con agarimo de nai ata o final dos seus días. Armando Keistel, abraiado, non poido ocultar a súa sorpresa, convencido cómo estaba da falta de humanidade e compaixón da familia Keistel para con o seu repudidado e odiado fillo. Pero había algo sospeitoso naquela muller. Ocultáballe algo de suma importancia.

Gregorio

#Metamorfose #Relato #Kafka #Conto #Cascuda