Que che parece? Coñézote ben, meniña do mar. A muller que es agora non asusta cun futuro tan negro como ese. Que lle den ao futuro. Que se foda o futuro enteiro!! Só importa o presente. Esta praia. O sol. O mar. O delicioso gozo que recorre a túa pel… só che falta ronronear como unha gata sobre a area quente de Barra, unha gata entregada a cada raio de sol que alumea o seu fermoso corpo, pois estás chea, toda ti, de enerxía e de luz.

Agora escoita. Non abras os ollos entre pechados e escoita. So sentes o silencioso baleiro de persoas, a brisa que move as ponlas dos piñeiros, as gaivotas no ceo, as ondas do mar de Vigo bicando á area unha e outra vez, unha e outra vez, con ritmo suave e regular, como se fixera o amor ca area… fuuus… fuuuuus…. fuuus… fuuuuus… Case che dan gañas de botar a bailar pola beira, como unha tola, entre esas ondas que rompen en escuma branca. Como unha daquelas meigas dos antigos…

Non é mala idea, pero mellor pola noite, cando saia a lúa chea e as dunas e os piñeiros tingan o seu gume de prata, cando vos xuntedes todos co lume e as luces das fogueiras, cando compartades cervexas e porros. Mellor pola noite, nas horas nas que a maxia voa ceibe polo ar. Entón si que vas bailar envolta unicamente polo veludo da escuridade. E tamén a rir e a cantar, e a soñar cos ollos abertos mirando as fermosas estrelas no infinito do ceo. Se cadra, se a danza prende o lume do teu sangue, pode que aceptes a facer o amor con algún deses fermosos mozos do grupo, que xa lle tes botado o ollo a algún. Que segredos do universo acudirán entón ao teu maxín? Que revelacións atoparás nos seus ollos e nos seus brazos?

A estraña parella

#Praia #Relato #Barra #Conto